Paralelas que se encontram

As aventuras de uma carioca, um galego e um gato maluco na maior cidade da América Latina - e no primeiro blog galego-brasileiro!

terça-feira, 6 de outubro de 2009

Novo blog

Preséntovos a un novo membro da família dos blogs:
http://bocadosderealidade.blogspot.com/

Reservo este espazo para as miñas reflexións persoais, xa que (non esquezamos) o obxectivo deste é a cidade de São Paulo (e outras cidades paralelas).

Anímovos a que escribades os vosos comentarios.
As 50 primeiras persoas en comentar serán incluídas entre os meus blogs preferidos.

Nota: A foto foi roubada de http://elgatoblogger.blogspot.com/2008_10_01_archive.html

terça-feira, 29 de setembro de 2009

Park-walker

Lendo as noticias de hoxe descubrín unha desas brillantes ideas que fan que cada vez crea máis no mundo da política local: homenaxear a Michael Jackson usando o seu nome para un dos poucos recantos verdes da cidade de São Paulo: o parque do Ibirapuera. Sen comentarios.

Na mesma noticia, outro representante do povo propón declarar o acento italiano como patrimonio da cidade. Estaría ben facer un monumento ao respecto, como por exemplo unha lingua xigante. Ou quizais tería máis éxito facer unha man cos cinco dedos xuntiños, que digo eu que sería máis representativo da herdanza italiana.

Acéptanse todo tipo de ideas.

domingo, 27 de setembro de 2009

Entre lusco e fusco

Hoxe tiven o privilexio de vivir un deses momentos únicos. Atravesando a península en avión, observaba o monótono chan no que crecen os cultivos castellanos mentres o sol avanzaba para esconderse en dirección contraria á nosa. Por un pequeno instante, un máxico segundo, a miña visión cambiou de súpeto. De entre as sombras do solpor, as luces das casas comezaron a aflorar. Nun piscar de ollos, naceu unha cidade aos meus pés, millares de fogares coas súas pequenas historias saíron do seu anonimato para seren admirados dende as alturas. Almas vistas dende o ceo.

terça-feira, 22 de setembro de 2009

Entrevista #9

Acabara de sentarme no sofá da recepción cando vin aparecer a figura do señor K baixando as escadas do chalet no que estaba a sede da empresa Infarterer. Debía rondar os 60 anos e movía con dificultade o seu corpo apesar da súa consistencia enclenque. Saudoume cun forte apertón de mans mentres analizaba se o meu ollar era igualmente sólido.
Inmediatamente pediume que o acompañase ao piso superior, cousa que me fixo pensar sobre a necesidade daquela custosa viaxe arriba-abaixo e abaixo-arriba. Bromeei coa necesidade dun ascensor, e el respondeu cun riso franco que denotaba simpatía pola ocorrencia.
Sentou na cabeceira da mesa de reunións e ofreceume unha das cadeiras dos extremos que estaba estratexicamente colocada en diagonal, de forma que me obrigaba a ollar de fronte para el. Dende o momento en que me sentei volvémonos inimigos íntimos.
Comezou a analizar os pros e os contras da miña candidatura para o posto. Parecía especialmente procupado cun asunto en concreto:

- Non tes coche, ¿non?
- Non, pero espero compralo cando comece a traballar aquí.
- Claro, pero é un problema se tes que incorporarte inminentemente e necesitas depender do transporte público.
- Tamén podería virme a vivir aquí.
- Mmmm...
- Non me importaría mudarme, gustoume esta vila.
- Pero aquí non hai moita cousa para facer.
- Gústame a vida tranquila.
- Non creo que che guste vivir aquí.
- En serio, prefiro a calma ao barullo da grande cidade.
- Es novo, vaste aburrir aquí.
- Entón comprarei un coche.

sexta-feira, 21 de agosto de 2009

Entrevista #7

PERSONAXES
Sr. Thomas Martin, director comercial de ASMICE.
Sr. J. García, demandante de emprego.

ACTO I
É mediodía. Sala de reunións da empresa ASMICE, modestamente amoblada, pero con bo gusto. Na parede do fondo hai dúas estanterías con material promocional, além dun póster sobre o producto estrela da compañía. No centro da sala está a mesa de reunións con sete cadeiras, unha delas levemente separada da mesa e situada diante dunha morea de papeis e unha botella de auga coronada por un vaso de plástico.
O Sr. García pasea inquieto fronte as estanterías, ollando para a porta situada no lado oposto da sala mentres espera que o seu interlocutor entre en calquera momento. No instante en que o Sr. García examina un folleto ábrese a porta e entra o Sr. Martin.

SR. MARTIN - Boas tardes.
SR. GARCÍA (Tusindo para aclarar a voz) - Boas tardes.
SR. MARTIN (Facendo un aceno coa man) - Por favor, tome asento.

O Sr. Martin examina o CV do candidato e realiza as pertinentes preguntas que o Sr. García vai respondendo con máis ou menos acerto. Nunha delas, tras ouvir a resposta, o Sr. Martin sorrí e fai unha pausa intencionada. O Sr. García observa a reacción con certa preocupación.

SR. MARTIN - Non se ofenda. É que nunca me deran esa resposta para esa pregunta.
SR. GARCÍA (Tentando aparentar autocontrol) - Non hai problema. A resposta foi errónea?
SR. MARTIN - Iso vaino descubrir vostede dentro de 12 días.

quinta-feira, 16 de julho de 2009

quarta-feira, 15 de julho de 2009