Paralelas que se encontram

As aventuras de uma carioca, um galego e um gato maluco na maior cidade da América Latina - e no primeiro blog galego-brasileiro!

sábado, 12 de janeiro de 2008

Infraviolencia

Esta nova orientación do blog pretende dar máis atención ás cousas que pasan na cidade de São Paulo. Moita xente me pregunta cousas ao respecto, e eu deime conta de que ás veces son parco nas miñas descricións. Vou tentar remedialo cunha serie de tres artigos sobre os problemas da cidade, tentando ser crítico pero desmitificando tamén algunhas cousas.

A inseguranza sempre é un dos principais problemas que as persoas lembran cando se fala de Brasil. Como dicía a futura primeira dama francesa, as nosas vidas non valen grande cousa. Nun país con tanta xente, e nunha cidade superpoboada, menos aínda.

Pero tamén é certo que ás veces só chegan noticias negativas dende aquí, e isto pode levar a subestimar o problema. Sempre que me preguntan a respecto diso, digo que en São Paulo hai moito de todo: moitos europeos, moitos xaponeses, moitas mulleres bonitas, moitas feas... e tamén hai moita violencia... nos barrios violentos.

Recentemente conseguín un documento gráfico da Folha de São Paulo que mostra máis claramente o que eu xa intuía e quería explicar: a delincuencia é moito máis reducida nos barrios nobres (onde eu vivo).


Nin que dicir ten que nunca estiven en Grajaú, nin teño intención de ir. Vese claramente o perigo do eixo do mal da zona sur de São Paulo, contrastando coa tranquilidade da zona central da cidade.

O meu barrio non é Moema, pero tamén é un dos de cor gris que rexistraron menos de 40 homicidios nos últimos cinco anos.
Só a efectos ilustrativos: apenas no 2006 houbo 192 homicidios en Barcelona e 164 en Madrid. Extrapolando estes datos a cinco anos, teríamos ás dúas cidades con cifras non moi distantes das do barrio de Grajaú.

Pero sería demagóxico comparar un só barrio con toda unha cidade, por moitos habitantes que o barrio teña.

Sabedes cantos homicidios houbo en Vigo en 2006? Catorce.

Xa vedes que a cousa non é para tanto. Vide visitarme sen medo!

Nenhum comentário: