Imaxinade unha persoa coa que coincidistes apenas un ano das vosas vidas, pero que influiu en vós o suficiente como para que a lembredes aínda. Non é difícil.
Imaxinade agora que despois de 10 anos volvedes encontrarvos con esa persoa. Pode suceder.
Imaxinade por último que atopades a esa persoa a 8.300 quilómetros de distancia do lugar onde coincidírades. Esa xa é máis difícil.
Na foto aparecen dúas persoas coas que coincidín hai 10 anos. As dúas están entre as principais responsables de que as miñas letras sexan galegas. Un deles continuou sendo amigo durante esta década. O outro, circunstancias da vida, non o vin novamente durante este período. Ata esta noite.
A Socidade Hispano Brasileira de São Paulo promove diversos eventos de fomento da cultura das diversas rexións españolas. O día das Letras Galegas é unha data marcada no calendario. Eu xa fora nalgúns eventos e este ano tiña un novo aliciente. O conferenciante que falaría de Xosé María Álvarez Blázquez non era outro que aquel Leopoldo do instituto.
Podería falar moito das sensacións dun encontro desta índole, pero correría o risco de parecer unha daquelas escenas daqueles programas da TVG. O ambiente da noite non distaba moito disto, pero non foi o noso caso. Direi só que nos reencontramos... e nos encontramos ben.
Um comentário:
Xaco! Acabo de ler o post, e eu, que seica mexo con cousas de letras... non teño palabras. Acórdame agora Ju, ataviada de galega, e como o tempo e o espazo se expandían e contraían. Dez anos!... e en Sao Paulo! Extráñase vocé muito nesta urbe invivíbel e insubstituíbel, como dixera o outro. E muita sorte. E muito obrigado. E a peteca non cae.
Postar um comentário