Paralelas que se encontram

As aventuras de uma carioca, um galego e um gato maluco na maior cidade da América Latina - e no primeiro blog galego-brasileiro!

quarta-feira, 10 de setembro de 2008

O cadeirante e o interfone


O bonito dunha cidade grande como São Paulo é que sempre hai espazo para as pequenas historias. Hai unhas horas, sen ir máis lonxe, vinme envolvido nunha delas. Volvía eu a casa polo camiño habitual cando visualicei ao lonxe un ancián en cadeira de rodas. Tiven a repentina impresión de que el tamén ollaba para min. Foi por iso que non me sorprendín moito cando se dirixiu a min ao pasar polo seu lado:
- Favor jovem... poderia apertar o 32 para mim?
Estábase referindo ao botón do interfone (telefonillo) que se correspondía co apartamento dese número. Como negar a un discapacitado iso? Non só precisaría levantarse da cadeira para chegar ao botón, senón que ademais tiña unhas escadiñas que salvar antes dese impensable milagre. Evidentemente apertei o botón despois de certificarme de que o apartamento era aquel.
Acheguei a orella ao aparello para ver se alguén falaba, e o velliño quixo evitar incomodarme:
- Pode apertar bastante, que ele deve estar dormindo.
A historia estaba adquirindo tintes sorprendentes. Mesmo que pola miña forma de ser evito ser curioso, estaba realmente intrigado por saber que levaba a un vello inválido a querer sacar de casa ás 9 da noite a alguén que está durmindo placidamente. Sen precisar preguntar nada, o home sacoume de dúbidas: quedara na casa do tal amigo do 32 para que lle prestase un diñeiro, pero este non atendía. O máis normal do mundo: quen non se quedou durmido mentres esperaba a chegada dun amigo en silla de rodas ao que lle vai deixar diñeiro?
Despois de chamar durante máis ou menos un minuto sen resultado, o home agradeceume e díxome que marchase. Supoño que despois dun tempo volvería a pedir axuda a algún outro. Mañá pola mañá verei se segue parado na porta.

Nenhum comentário: