Paralelas que se encontram

As aventuras de uma carioca, um galego e um gato maluco na maior cidade da América Latina - e no primeiro blog galego-brasileiro!

quarta-feira, 23 de janeiro de 2008

Cafés Campinas S. Paulo

Recibín algunhas críticas, inclusive da coautora do blog, polos tres artigos anteriores. Sinto se o resultado foi excesivamente pesado, pero crin necesario documentar eses importantes aspectos da nosa realidade diaria.
Eu sempre preferín as pequenas historias e non vou deixalas de lado, pero creo que hai que empezar polo grande para poder entender os pequenos detalles que conforman a vida.

Acabo de pasar os dous últimos días en Campinas, onde vive a familia de Juliana. Algunhas das persoas ás que xa lle falei desta cidade lembráronme rapidamente a famosa marca galega de cafés.

Quixen saber algo máis da historia da empresa, pero a páxina web é excesivamente parca en detalles. Só aclara que o nome é debido a que na data de creación da empresa, a principios do século pasado, os cafés eran importados de Brasil.

Respecto á cidade, non sería eu o máis indicado para falar. Pero como Juliana aínda vai atrasar uns días a súa aparición, vou dar algunhas pinceladas. Non ten o tráfico caótico de São Paulo, e os problemas de violencia tamén son menores, pero o clima si que presenta curiosidades. A principal é o forte vento, así que quen queira instalar geradores de enerxía eólica xa sabe un bo lugar.

O que quería destacar realmente é a tranquilidade dunha pequena cidade (1 millón de habitantes) respecto á grande urbe (11 millóns, descartando periferia). Iso séntese pola noite, e especialmente de mañá. O silencio só é quebrado polo uivar do vento, o que garante un sono profundo e reparador.

Claro que a moeda tamén ten a outra cara. Que opcións de ocio hai nunha cidade tan tranquila? Desgraciadamente poucas. O máis atractivo son os centros comerciais con cines, ademais dalgúns parques interesantes. Pouco máis.

Merece a pena ter tranquilidade e prescindir da diversión? E o contrario?
Grande dúbida.

2 comentários:

Zabu disse...

Como é pequena unha cidade de 1 millón de habitantes?

Porque se Vigo está querendo chegar ao medio millón, sempre queda a queixa de que fan falla máis oportunidades de ocio pero...

é dicir, non sei... a min paréceme que 1 millón de persoas son máis que suficientes como para xerar oportunidades de ocio... non?

Jacobo disse...

Quizais debería ter posto "pequena", entre comillas. En realidade é a 14ª maior cidade do país. Nese ranking virtual, Vigo sería só a 80ª (que non falten os datos, hehehe).

O que tentaba era contrastala con São Paulo. Non quería dicir que non teña oportunidades de ocio, senón que non ten a variedade que ten aquí.

Talvez non teña que ver tanto co tamaño como coa cantidade de inmigrantes...