Paralelas que se encontram

As aventuras de uma carioca, um galego e um gato maluco na maior cidade da América Latina - e no primeiro blog galego-brasileiro!

terça-feira, 15 de janeiro de 2008

Traffic

O problema de circular en coche nesta cidade é probablemente o principal de todos. Todos faríamos como Michael Douglas nalgúns momentos.

Nesta ocasión tamén teño información gráfica da Folha de São Paulo. A principal conclusión é que o tráfico sempre vai ser malo, independentemente de que sexa unha época vacacional. Lembrando o que dicía no artigo anterior: nunha cidade con moita xente, tamén vai haber necesariamente moitos coches.

A liña discontinua representa a distribución das retencións dentro da cidade nos días laborables, mentres que a continua caracteriza a curva durante o período vacacional de Nadal.


Talvez está táboa non diga moito. Ao final canto é 110 km de conxestión? Pois equivale a unha caravana de coches dende Vigo ata Allariz. Talvez me equivoque, pero eu diría que en todo Vigo dificilmente hai 110 quilómetros de rúas. Sería 100 veces a distancia do Concello á praza da independencia.

Volvendo coas odiosas comparacións, na Operación Saída da última Semana Santa houbo 64 km de retencións en Madrid. Noutros anos chegouse a superar os 100 km nas mesmas datas. Se os conductores xa se rasgan as vestiduras tendo que encarar o problema unha ou dúas veces no ano, imaxinade a paciencia dos paulistanos que afrontan isto todos os días.

O problema é que non hai solucións fáciles para isto. A máis evidente sería usar o transporte público, pero este tamén está sobrecargado (lembro que unha compañeira de traballo perdeu un zapato tentando subir ao metro en hora punta, para que vos fagades unha idea da presión).

A todo isto hai que engadirlle o problema da falta de seguranza do que xa falamos, que tende a privilexiar o uso do coche en lugar do das propias pernas. E o experimento parisino das bicicletas? Algunhas persoas xa ironizaron sobre o pouco que durarían aquí unhas bicis de uso libre. Así as cousas, as alternativas non serven para esta cidade de enormes proporcións.

Velaquí unha das graves deficiencias de São Paulo.

2 comentários:

pablosgat disse...

Que grandes as VELIBS de Paris!!
E que grande Allariz!!!

Unha aperta!

Jacobo disse...

Vexo que estiveches atento ás referencias.
;)