Paralelas que se encontram

As aventuras de uma carioca, um galego e um gato maluco na maior cidade da América Latina - e no primeiro blog galego-brasileiro!

sexta-feira, 19 de setembro de 2008

Lírica galego-brasileira

Que teñen en común Galicia e Brasil? En principio, talvez non moito. O tamaño sería a primeira diferenza. Contando os 2,7 millóns de habitantes, Galicia sería só a cuarta cidade brasileira en poboación. Tampouco o carácter expansivo do brasileiro ten moito que ver coa nosa morriña. E xa non falo do clima... aínda que cando aquí chove, chove de verdade.

Porén, na semana pasada tiven dúas sorpresas que me fixeron pensar en que a distancia non é tanta. A primeira foi unha visita ao Museu da Língua Portuguesa con Poldo e Ju. Un museo moi completo, aínda que con poucas referencias á orixe común dos nosos idiomas para o meu gusto. Cando pensaba que xa o vira todo, a sorpresa veu na figura de Martín Codax. Dentro da Praça da Língua, un desfile das palabras que marcaron a historia da literatura brasileira tivo a ben incluír o célebre "ondas do mar de Vigo". E o mellor é que a tradicional designación de lírica galego-portuguesa foi trocada para esta outra que aparece no título. Talvez foso para que o brasileiro se sentise máis identificado con aquilo. En calquera caso foi sorprendente.

A segunda sorpresa apareceu cando voltaba da Polícia Federal despois de regularizar a miña permanencia no país. O autobús fixo unha parada fronte a unha tenda deportiva. O que vin na vitrina o meu cerebro tardou varios segundos en asimilalo: era unha camiseta do celta, exposta en primeira liña. Movido pola curiosidade, baixei do bus para indagar máis. Ata fantaseei coa idea de comprala pero o prezo, maior incluso do que se encontra en Vigo, fíxome esquecer rapidamente esa posibilidade. Pero o feito está aí: é posible encontrar en São Paulo camisetas de equipos da segunda división española. E máis caras que as nacionais!

2 comentários:

Zabu disse...

Home claro! non van ser caras... de importación e de equipos raros sen moita demanda... mesmo poderiamos categorizalas de "artículo exclusivo".

Oes unha cousa... non sería da Lazio verdade? ;)

Con respecto á poboación, esquéceste de Buenos Aires (se poden votar, contan).

Jacobo disse...

Pois si, a este paso vanse converter en algo "cult". Eran do celta, na etiqueta aparecía escrito "celta vigo". Creo que o Manchester City tamén ten unhas de cor celeste...

Tamén pensara no dos emigrantes galegos, pero non puxen nada para non complicar a frase, que as miñas xa son complicadas de seu...