Paralelas que se encontram

As aventuras de uma carioca, um galego e um gato maluco na maior cidade da América Latina - e no primeiro blog galego-brasileiro!

terça-feira, 5 de fevereiro de 2008

O samba da minha terra deixa a gente mole

Despois do Carnaval, o país volve á normalidade... ou non. Sospeito que ata a próxima semana non vou poder resolver algúns asuntos pendentes.

Para moita xente, a festa representa o momento culminante do verán. Case podería dicirse do ano enteiro, se non fose porque o ano aínda está comezando. Digamos que é o momento culminante do ano anterior, pois os preparativos para o próximo Carnaval xa comezan agora.

O maior evento festivo do planeta, din por aquí. Hai pouco que falaba de todas as posibilidades que hai para divertirse nesta cidade. E aí xurdía a dicotomía diversión versus tranquilidade. Desta última quería falar hoxe. Ou mellor dito: da falta dela.

Cando falaba dos problemas de São Paulo pensei en falar da contaminación. Descarteino porque a polución do aire non é un problema que se sinta con frecuencia. Pero non pensei noutro tipo de contaminación: a acústica.

Onte, martes de entroido, foi un día do máis curioso. Para comezar ben, espertei co ruido dun helicóptero sobrevoando o meu cuarto. Só faltaba que comezase a soar a Cabalgata das Valquirias. Pero non. O que soou foi unha corneta. E fogos artificiais.
Normalmente escóitanse os rapaces dun colexio próximo, ou ruido de obras, ou incluso un galo que algún veciño ten en casa (???). Cal podería ser entón o motivo destas novidades sonoras? Descubrino unhas horas despois, cando souben que a escola de samba do meu barrio tiña sido a campeona do Desfile das Escolas de São Paulo.


O helicóptero volveu outras dúas veces durante o día, a última delas coincidindo con imaxes en directo do informativo da noite. Quedou claro, entón, que estaba retransmitindo imaxes aéreas da festa. Non sei se alguén consegue imaxinar o molesto que pode ser ter un aparello deses do teu lado. Para aforrar adxectivos, digamos que era uns 90 decibelios incómodo.

Quousque tandem abutere Catilina patientia nostra?

2 comentários:

Zabu disse...

Vaia, por algunha razón síntome contento ao ver o teu uso los linkitos :)

Pola miña banda, durante o verán adoito ter helicópteros abondo sobrevoando o barrio.

A miña pregunta é, e ti que fas que sofres o ruido en lugar de disfrutalo alá embaixo?

Jacobo disse...

Home, eu nunca fun moi festeiro. E Juliana odia este tipo de celebracións. Ademais as mañás son para durmir... non?

Por certo, a ver se actualizamos!